Turismo Rías Baixas presentará en FITUR a arquitectura contemporánea da provincia

Turismo Rías Baixas participa na Feira Internacional de Turismo (FITUR) cunha nova proposta que busca poñer en valor a arquitectura contemporánea da provincia. "Somos sol, praia, natureza, gastronomía, patrimonio cultural, etnográfico e arqueolóxico, pero tamén somos modernidade e creatividade", sinalou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a rolda de prensa. "Nos últimos tempos construíronse edificios de gran valor arquitectónico, que continuarán a sorprender as futuras xeracións e farán que estean orgullosas".

Turismo Rías Baixas contou coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para facer unha selección das edificacións máis representativas da arquitectura contemporánea das últimas décadas. Esta selección darase a coñecer en FITUR o xoves 21 de xaneiro, ás 12:00 horas, nun acto que será retransmitido vía streaming a través da web da Deputación de Pontevedra. A presidenta da Deputación adiantou, ademais, que durante a presentación en Madrid intervirán a actriz viguesa María Castro, en calidade de embaixadora, e o decano do COAG, Antonio Maroño.

A intención de Turismo Rías Baixas é que a escolma de edificacións forme unha nova ruta, que engadirá valor e atractivo á oferta de experiencias culturais e de lecer das Rías Baixas.