Turespazo, a extranet para o sector turístico

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuníronse hoxe en Santiago coa xunta directiva do Clúster de Turismo de Galicia para presentarlles Turespazo, a extranet que ofrece aos profesionais e empresarios do sector un único punto de acceso para a autoxestión online da súa información administrativa e promocional.

Turespazo é unha das iniciativas do Plan Smart Turismo que a Xunta puxo en marcha o pasado ano para impulsar a modernización tecnolóxica dun sector estratéxico da economía galega. A entrada en funcionamento desta canle dixital aforrará tempo e recursos aos profesionais do sector, ademais de optimizar a súa relación coa Administración e mellorar a oferta turística a través da Rede. 

A xuntanza de hoxe ten como obxectivo identificar os establecementos piloto nos que se probará Turespazo. Tras o período de pilotaxe, elaborarse un plan conxunto co sector para o seu despregamento así como un plan de formación e soporte aos profesionais. 

Turespazo estará dispoñible a través do portal de Turismo e o profesional ou empresario, previa identificación, accederá aos datos oficiais e promocionais que a Administración ten sobre o seu negocio e poderá modificalos. Turespazo está integrado coa sede electrónica da Xunta para facilitar cambios na información de índole administrativa así como a realización dalgún dos preto de 30 trámites que a Xunta ten dispoñibles para o sector.