Buscar/Hemeroteca

lunes, 4 de enero de 2016

Peregrinos que fan Camiño ao andar

As cifras de peregrinos rexistradas ao longo do ano 2015 volven demostrar que o Camiño de Santiago está en auxe e plena actualidade. O número de camiñantes que recolleron a Compostela no 2015 chegou aos 262.515, o que supón 24.532 máis que no ano 2014. Isto implica un incremento do 10,31% con respecto aos peregrinos que acudiron á Oficina do peregrino no ano 2014.

En relación aos mercados, os peregrinos estranxeiros supuxeron o 53,38% do total. Concretamente contabilizáronse 140.138 peregrinos internacionais na oficina de Santiago de Compostela, mentres que os españoles supuxeron o 46,62%, con 122.377 camiñantes rexistrados.

As procedencias foron moi diversas, contabilizándose 178 países de orixe distintos, 39 máis que en 2014, o que mostra a gran capacidade do Camiño para atraer visitantes de todo o mundo. Despois de España, o país do que procederon mais peregrinos no ano 2015 foi Italia, sobrepasando a cifra dos 22 mil peregrinos.

Deste xeito, por segundo ano consecutivo, os peregrinos italianos superaron aos procedentes de Alemaña, que nos últimos anos era o país do que acudían mais peregrinos estranxeiros.

Tras Italia e Alemaña, o ránking dos 10 principais países emisores de peregrinos estranxeiros continúa con Estados Unidos, Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda, Canadá, Corea e Brasil.

Tamén ocupan postos relevantes países como Australia que se sitúa no posto duodécimo, Bélxica, que está na decimosexta posición, ou Xapón, que é o vixésimo primeiro país de onde acoden máis peregrinos internacionais.

No relativo aos camiños, a ruta que segue sendo a mais demandada é o Camiño Francés. En total 172.244 peregrinos realizaron esta Ruta representando o 65,61% do total dos peregrinos que chegaron a Santiago.

Tras o Camiño Francés, o Camiño máis transitado foi o Portugués con 43.149 peregrinos, o que representa o 16,44% do total. A estas dúas rutas séguenlle o Camiño do Norte que ten un peso sobre o total do 6,05%, e 15.873 peregrinos, o Camiño Primitivo co 4,35% do total e 11.428 peregrinos, o Camiño Inglés, co 3,52% do total e 9.247 peregrinos e o Camiño do Sueste, co 3,51% do total e 9.221 peregrinos.

No hay comentarios: