Buscar/Hemeroteca

jueves, 28 de enero de 2016

O turismo é a principal industria galega

O Consello da Xunta fixo balance da execución do Plan integral de turismo de Galicia tras dous anos de execución desta ambiciosa folla de ruta para o sector turístico galego. Á espera dos datos totais do acumulado do ano, o turismo internacional en Galicia xa superou o novo obxectivo marcado no Plan. 

O número de viaxeiros internacionais que elixiron os establecementos regrados da nosa comunidade en 2015 superou o obxectivo presentado de 1.250.000, ao rexistrarse 1.271.687 viaxeiros internacionais só nos establecementos hoteleiros, cifra que se incrementará coa publicación dos datos rexistrados nos establecementos extrahoteleiros da comunidade.

Así mesmo, é destacable a ocupación media hoteleira de 2015, a cal se pechou co 33,81% superando a cifra do 33,54% fixada como obxectivo no plan. O cumprimento deste obxectivos demostra que as accións do plan integral están a ter a súa pegada na demanda turística rexistrada na nosa comunidade.

Os resultados deste estudo tamén confirman o relevante papel do turismo na economía galega. Segundo estes, o PIB turístico en Galicia alcanzou no ano 2014 os 6.015 millóns de euros, o que supón o 11,1% do total do PIB da Comunidade e un crecemento interanual do 1,2% respecto aos niveis do ano 2013.

A relevancia do turismo en Galicia tamén é evidente nos resultados do estudo en termos de emprego, ao xerar este sector 109.762 empregos en 2014, o que representa o 12% do total do emprego de toda a Comunidade nese ano.

No hay comentarios: