O alcalde de Lalín presenta en Lugo a Feira do Cocido

Cuiña e Lara Méndez no Bus do Cocido
Lugo acolleu a presentación da XLVIII Feira do Cocido, que terá lugar na Capital do Deza o 31 de xaneiro. O acto celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Lugo e correu a cargo da alcadesa de cidade amurallada, Lara Méndez, e o rexedor de Lalín, Rafael Cuíña. Ao acto tamén asistiu María José López Rubal, representante en Galicia, Asturias e León de Abanca, entidade patrocinadora do evento.

No acto de presentación, Lara Méndez destacou a importancia da colaboración entre institucións para promover o patrimonio de ambas cidades e os seus recursos. “Hoxe nace unha relación fructífera entre dúas institucións, entre dúas cidades de interior que a pesar de situarse a 100 quilómetros de distancia, teñen un denominador común importante que temos que poñer en valor, a oferta turística e o noso patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e neste caso gastronómico”, subliñou a Alcaldesa, quen reivindicou o potencial do sector turístico nos dous Concellos para impulsar o seu desenvolvemento.

“Lugo e Lalín temos moito do que falar”, asegurou Méndez, ao tempo que lle avanzou a Cuíña o interese de Lugo de buscar sinerxias con Lalín, anunciándolle que lle devolverán a visita para presentar a 15ª edición do Arde Lvcvs coa intención de atraer novos visitantes á cidade luguesa. 

Ademais, a rexedora mostroulle o apoio do Concello de Lugo ao de Lalín na súa candidatura para que a Feira do Cocido, Festa de Interese Turístico Nacional dende o 2010, reciba este recoñecemento a nivel internacional, ao tempo que destacou a importancia deste certame gastronómico, que reúne a máis de 50.000 persoas ano tras ano para degustar un prato tan popular.