Medio Rural licita con 311.800 euros o deseño e montaxe de postos nas feiras #Gourmets e #Alimentaria

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o catro de xaneiro unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se anuncia a licitación, por procedemento aberto, do servizo de deseño, organización, montaxe, desmontaxe e transporte de postos en distintas feiras agroalimentarias que se celebrarán ao longo deste ano 2016.

En concreto, o anuncio refírese aos certames “Gourmets”, que terá lugar en Madrid do 4 ao 7 de abril, e “Alimentaria”, que se celebrará en Barcelona do 25 ao 28 de abril. O orzamento total de licitación é de 311.800 euros.

O prazo de presentación das ofertas para concorrer a esta licitación empezará mañá, día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, e finalizará aos quince días naturais, a non ser que o último día sexa inhábil, caso en que se prorrogará o prazo ao primeiro día hábil seguinte. A data límite de obtención de documentos e información coincidirá coa de fin de presentación das ofertas.

O lugar de presentación –neste caso o único rexistro válido– será a Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia situada no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago.