A Veiga Starlight

A inauguración das xornadas “As montañas de Trevinca: paisaxes, patrimonios e propostas didácticas", organizadas pola Deputación provincial, a Universidade de Santiago e o concello de A Veiga co obxectivo de afondar no coñecemento deste recurso natural, serviron para poñer en valor este destino galego de interior, a carón das montañas de Pena Trevinca, o único macizo de Galicia que excede os 2.000 metros de altitude, e que atesoura unha multitude de recursos turísticos como o parque natural da Serra da Enciña da Lastra, o val do río Navea, o Macizo Central ou o espazo declarado Rede Natura Pena Trevinca, entre outros.
Nava Castro co alcalde de A Veiga
Un dos seus principais equipamentos é a estación de montaña de Manzaneda a cal constitúe un atractivo turístico con enorme potencialidade. Esta estación de esquí e montaña, non está reservada exclusivamente á época de neve, senón que actúa como polo de atracción turística e elemento dinamizador da zona durante todo o ano grazas ás numerosas actividades deportivas e de ocio que alí se poden desenvolver e os programas sociais e culturais para nenos e adultos.

Por outra parte, A Veiga ven de obter a certificación Starlight que avala este concello como destino turístico astronómico. Esta certificación constitúe un selo de calidade que acredita que este concello ourensán posúe unha boa calidade do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico. A Veiga uniuse, así, a un mapa no que só están os mellores lugares para gozar do ceo.