A Deputación de Ourense impulsa o termalismo social

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou no Balneario de Laias (Cenlle) con representantes de establecementos balnearios da provincia o convenio de “Termalismo Social” 2016, un programa que desenvolve a Deputación e que ten como obxectivo ofertar servizos de saúde, benestar e envellecemento activo a través do termalismo social baseado nas propiedades terapéuticas das augas mineiro-medicinais, nos servizos médicos asociados e nas actividades socio-culturais que se prestan nas instalacións termais da provincia de Ourense.

Os balnearios que asinan o convenio son o Grupo Caldaria (Laias, Lobios e Arnoia), e os establecementos termais de Baños de Molgas, Cortegada e O Carballiño, estando en previsión que ao longo deste ano entren en funcionamento os balnearios de Partovia (O Carballiño) e Berán.

A oferta deste ano inclúe estancias de ocio e saúde, así como percorridos turísticos, gastronómicos e de lecer, nunha iniciativa na que en 2015 participaron máis de 1.700 turistas. O 70% dos participantes no programa proveñen de fóra da provincia de Ourense, e deles un 55% chegaron a través do tren, grazas ao acordo existente entre Deputación de Ourense, Renfe e os balnearios.

En cifras globais o programa oferta inicialmente este ano unhas 2.000 prazas que poderían estenderse ata as 2.500, dependendo da procedencia dos beneficiarios e das modalidades escollidas de estancias e tratamentos.