Novas actividades na reserva da Biosfera Terras do Miño

O titular provincial de Lugo, Darío Campos, presidiu este martes as reunións dos Órganos Reitor e de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño. No encontro definíronse os primeiros proxectos que se van a poñer en marcha o vindeiro ano. Entre eles atópase a elaboración dun Catálogo Aberto do Patrimonio Inmaterial das Reservas da Biosfera españolas, que permitirá poñer en valor gran número de recursos aínda pouco explotados, como festas, tradicións, expresións orais, coñecementos e usos relacionados coa natureza ou técnicas artesanais propias. Toda esta información será recollida nunhas fichas tipo.

A Deputada da Área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, anunciou a participación no proxecto “Recetas da Biosfera”, co que se pretende poñer en valor a gastronomía da rexión das terras do Miño, que abrangue 26 concellos lucenses. De entre as recetas recibidas de cada reserva seleccionaranse as mellores para a súa edición nun libro conxunto da Rede Española de Reservas da Biosfera.

Dende a Área de Medioambiente da Deputación estase a traballar tamén na posibilidade de participar nun proxecto ITERREG (no marco do programa de Cooperación Interreg V A España Portugal) para a promoción do cultivo ecolóxico de especies vexetais autóctonas de Galicia e do Norte de Portugal que poidan servir para empregar en gastronomía e balneoterapia. O proxecto, nomeado “ Emprendemento verde baseado no cultivo ecolóxico de especies susceptibles para usos cosméticos e/ou alimentarios” quere abrir unha nova oportunidade para o desenvolvemento rural da área.

Durante a xornada, profesores da Universidade de Santiago de Compostela presentaron o Proxecto Urbano de Adaptación ao Cambio Climático LIFE LUGO + BIODINÁMICO, unha iniciativa do Concello de Lugo apoiada economicamente pola Deputación cun compromiso financeiro de 526.220 €. O proxecto desenvólvese na zona das Gándaras e pretende o desenvolvemento biodinámico dun barrio mediante a recuperación de bosque, a implantación de zonas verdes, a edificación en madeira dun centro de divulgación, a promoción da agricultura vertical e a restauración paisaxística. Segundo explicou a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López, “este proxecto permitirá reactivar o sector da madeira para a construción e pretende ser un referente das oportunidades do urbanismo sostible, xa que xunta desenvolvemento económico e sostenibilidade medioambiental. A nosa idea é implicar nel a toda a provincia”, manifestou.