60.000 euros para actuacións nos concellos da Rede de Sendeiros Azuis

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou onte o convenio marco de colaboración cos nove concellos da provincia adheridos á Rede de Sendeiros Azuis co fin de desenvolver as primeiras actuacións de sinalización, mobiliario, mantemento e promoción.

A institución provincial destinará ao impulso da rede unha partida de 60.000 euros. Ademais, o proxecto concorrerá a fondos europeos coma o programa Life, que conta cunha liña de financiamento para a mellora ambiental e a recuperación da biodiversidade.

Os sendeiros azuis son itinerarios que unen praias e portos con bandeira azul nunha rede de gran valor ambiental e atractivo turístico. Están adheridos á rede Cangas, Bueu, A Illa de Arousa, A Guarda, Vigo, Nigrán, Baiona, Ponte Caldelas e Sanxenxo, cuxos alcaldes mantiveron recentemente unha reunión coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, para acordar un plan de traballo conxunto que permita compartir sinerxías.