10º aniversario da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses

Darío Campos, presidiu a reunión do Órgano Reitor da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. No encontro deuse conta de que no 2016 cumpriranse 10 anos do recoñecemento deste espazo natural pola UNESCO, o 27 de outubro de 2006. Por este motivo, a Deputación de Lugo está a preparar unha serie de actividades que se desenvolverán ao longo do ano vindeiro nos concellos que forman parte da reserva.

Co ánimo de facer partícipe á cidadanía nesta celebración, o ente provincial abrirá os próximos días unha convocatoria para que a xente que así o desexe propoña ideas para a realización de actividades. As ideas poderán ser comunicadas chamando á Deputación de Lugo ou no e-mail ancareslucenses@deputacionlugo.org.

Entre as actividades que se levarán a cabo proximamente na reserva, están a elaboración dun Catálogo Aberto do Patrimonio Inmaterial das Reservas da Biosfera españolas, a participación no proxecto “Recetas da Biosfera” -co que se pretende poñer en valor a gastronomía da rexión dos Ancares- ou a posibilidade de participar nun proxecto ITERREG para a promoción do cultivo ecolóxico de especies vexetais autóctonas de Galicia e do Norte de Portugal que poidan servir para empregar en gastronomía e balneoterapia.

Segundo explicou a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, o proxecto, nomeado “Emprendemento verde baseado no cultivo ecolóxico de especies susceptibles para usos cosméticos e/ou alimentarios” será unha nova oportunidade para o desenvolvemento rural da área. Por elo, durante a reunión do Órgano de Participación, á que asistiron Alcaldes e asociacións da zona, pediu colaboración “na busca de pequenas PEMES que xa estean a traballar neste eido, aínda que non sexa en ecolóxico. Por exemplo, empresas dedicadas á produción de destilados (aceites esenciais, etc..), infusións, plantas desecadas, vinagres, xabóns, etc., así como establecementos que poidan utilizar ou vender estes produtos de cosmética natural”.

Na reunión deuse conta tamén da nota acadada no Sistema de Indicadores da Rede Española de Reservas da Biosfera (no que se acadou un global dun 72,71 sobre 100, por enriba da media nacional que foi de 69,74 puntos), así como da memoria anual e do sistema de sinalización nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.