XV aniversario da da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

O Concello de Lugo programou unha serie de actividades para conmemorar o XV Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, declaración que tivo lugar o 30 de novembro do ano 2000. A ampla e variada programación arrancará este sábado e prolongarase ata o 8 de decembro.

A concelleira Carmen Basadre asegurou que “a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade contribuíu ao auxe do turismo en Lugo”. Neste senso lembrou os datos turísticos rexistrados este ano na Oficina Municipal de Turismo, “o mellor ano turístico internacional e o mellor verán da historia da nosa cidade”, afirmou Basadre.

A Concelleira fixo un chamamento á Xunta de Galicia, responsable do mantemento deste Ben Mundial, para que proceda á súa limpeza, “o noso sinal de identidade e un patrimonio único no Mundo”, tal e como o definiu Basadre, “posto que Lugo histórica e patrimonialmente é unha das cidades máis importantes de Galicia”.

Entre as actividades programadas durante esta fin de semana, a Taberna Daniel, restaurante Antas, Curruncho A Nosa Terra, Arrocería Os Cachivaches, a parrillada Porta Santiago, o restaurante Campos e o Mesón de Alberto ofrecerán menús con prezos especiais dedicados á Muralla.