Visita institucional ao Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego, visitaron esta tarde o Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos de Santiago de Compostela. Este novo lugar de referencia do Camiño de Santiago xurde ante a necesidade de ofertar un espazo de benvida aos peregrinos e mellorar e incrementar así a capacidade de acollida de Santiago de Compostela.

Para elo, levouse a cabo unha rehabilitación do edificio “Asilo de Carretas”, situado na esquina da rúa Carretas coa rúa de Domingo García-Sabell, para acoller este centro de peregrinos. Deste xeito, este centro de referencia para os peregrinos na meta do Camiño únese á rede asistencial coa que conta Galicia ao longo dos distintos camiños e á rede de albergues.

O centro ofrece un lugar aos peregrinos onde poder expresar as súas emocións e experiencias e onde poder informarse sobre Galicia e o seus recursos.

Cunha superficie superior aos 1.400 m2, conta con diversos servizos como unha Oficina do Peregrino, onde poderán recoller a súa Compostela, un Salón de Actos, unha Capela, un centro interconfesional, unha área de información turística, unha biblioteca e centro de documentación xacobeo, unha zona de atención en idiomas, unha área para asociacións amigos do Camiño, etc.