Señorío de Rubiós engorda a nómina de produtos amparados por Galicia Calidade

Antonio Méndez, co certificado, e ao seu carón o alcalde
Galicia Calidade engrosa a nómina de productos amparados. A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e polo xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron entrega nas Neves do certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á adega pontevedresa Señorío de Rubiós. 

Con este recoñecemento, os viños desta compañía, certificados polas denominación de orixe Rías Baixas, poderán incluír na súa etiquetaxe este distintivo de calidade da Xunta. Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con viños das cinco denominacións de orixe, cun total de doce adegas: Rías Baixas, con Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Adegas Valdés, Vilarvín, e agora Señorío de Rubiós; Monterrei con Quinta do Buble e Gargalo; Ribeiro con Bodegas Narioa; Valdeorras con Bodegas Ruchel e A Coroa; e Ribeira Sacra con Regina Viarum e Vía Romana. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos viños de Señorío de Rubiós incluír o distintivo nas etiquetaxes así como nas diferentes accións de promoción que estimen oportuno. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 52 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario. 

No acto tamén se deu cita o alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, quen dixo que "para as Neves é unha honra ter unha empresa certificada por Galicia Calidade e os seus produtos amparados polo dito selo que nos representa a todos e que avala a súa calidade polo mundo enteiro".