Máis da metade dos concellos de Pontevedra estarán presentes no Culturgal

Máis da metade dos concellos da provincia de Pontevedra participarán no Culturgal 2015 a través do espazo que a Deputación de Pontevedra puxo ao seu dispor nesta Feira. Un total de 33 concellos responderon á proposta que se lles trasladou o pasado mes de setembro desde o ente provincial para amosar a súa oferta cultural neste evento, e destes, un total de 12 participarán ademais presentando actividades e propostas culturais no programa da Feira.

O espazo da Deputación de Pontevedra contará con varios apartados diferenciados para amosar de xeitos distintos a información dos concellos. Habilitarase un apartado no que se mostrará a información impresa, dípticos, guías, catálogos e libros; un espazo audiovisual composto por varias pantallas para poder visualizar pezas audiovisuais sobre propostas culturais e fitos representativos de cada concello, e un terceiro espazo dedicado integramente a cartelería de eventos e citas representativas.

O programa do Culturgal 2015, que se celebrará entre os días 4 e 6 de decembro, foi presentado oficialmente e entre as principais novidades, o presidente de Culturgal, Manuel Bragado, destacou a participación dos concellos da provincia por primeira vez grazas ao espazo da Deputación, indicando a importancia de "achegar ao público tamén a cultura local, alimentando a idea da relación entre cultura e turismo". 

Na mesma presentación o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal fixo fincapé en que " apostamos por contar cun espazo no que amosaremos a cultura que se fai desde os concellos, difundindo a súa programación cultural, nunha experiencia que esperamos manter en anos vindeiros." Leal fixo fincapé no apoio do ente provincial á Feira das Industrias Culturais e fundamentou a colaboración da presente edición na premisa de que "a cultura ten que ser unha industria potente, que debe vertebrar non só a provincia de Pontevedra senón a todo o país".