Lugo afonda no seu esplendor romano

O Concello de Lugo, a través do Plan Urban, está a restaurar e musealizar os mosaicos romanos de entre os séculos III e IV, únicos en Galicia, atopados en escavacións realizadas en 1999 e 2001. Parte destes mosaicos, que pertencen á que se considera a domus máis grande da cidade romana, a Domus Oceani, xa se poden observar a través dunha ventá arqueolóxica situada nesta mesma rúa, así como na sala expositiva Domus do Mitreo e en negocios locais da zona. 

“Dende primeiros de decembro, na semana que vén, todos os lucenses e visitantes poderán observar novos fragmentos deste xacemento arqueolóxico a través doutras dúas ventás arqueolóxicas, unha actuación que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros”, explicou a edil de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.

Estas obras contan con tres fases: unha primeira na que se abriron os ocos no pavimento, unha segunda na que se traballa na restauración dos mosaicos e a terceira, na que se instalarán as ventás cun vidro antideslizante que ofrecerá todas as garantías de seguridade necesarias. Terán iluminación, un sistema de vixiancia e un sistema de ventilación.