Galega 100% no derbi Depor Celta

A Consellería do Medio Rural fixo promoción do selo de garantía Galega 100% no derbi Depor Celta que permitiu ao público asistente ao partido degustar este leite de calidade a través do reparto gratuíto de minibricks, que se entregaron nunha carpa instalada ao efecto nas inmediacións do estadio de Riazor.

Esta acción promocional no clásico Depor Celta enmárcase dentro da campaña de apoio ao sector leiteiro galego que está a desenvolver a Xunta de Galicia, onde se inclúe a promoción da marca “Galega 100%”. Entre as actividades levadas a cabo nesta campaña de promoción figuran charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios. Estas xornadas, que se están a desenvolver nas capitais das catro provincias galegas, compleméntanse coa visita a unha explotación de vacún de leite.

Ademais, o stand de Galega 100% estivo repartindo minibricks de leite en diferentes eventos deportivos, como as carreiras pedestres de Santiago e San Martiño, en Ourense, nas que tanto atletas como público en xeral puideron degustar este leite galego de calidade diferenciada.

A marca Galega 100% e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.