Ourense recuperará espazo forestal periurbano de Montealegre

A Consellería do Medio Rural e o Concello de Ourense colaborarán na adecuación e posta en valor do espazo forestal periurbano de Montealegre, coa ampliación e acondicionamento deste parque mediante accións de rozas, clareos, podas, plantacións e limpeza de pistas. Así o acordaron o alcalde da cidade das Burgas, Jesús Vázquez, e a conselleira Ángeles Vázquez, durante un encontro institucional mantido entre ambos na Casa Consistorial ourensá.

A conselleira do Medio Rural explicou que a colaboración entre Concello e Xunta permitirá habilitar esta zona verde para o goce dos ourensáns, con especial atención á práctica de deportes como o sendeirismo.

O espazo denominado Montealegre é unha zona situada no cordal leste, que delimita o territorio municipal de Ourense. Este ámbito caracterízase pola súa excepcional riqueza natural e polas súas peculiaridades antropolóxicas e biolóxicas.