O CSHG amplía a rede de contactos en Chile

Turismo de Galicia inicia hoxe e ata finais de semana diferentes encontros con empresarios e institucións de Chile nunhas xornadas que organiza o Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX) na Embaixada de España en Santiago de Chile. 

Así, a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), Marta Fernández, desenvolverá unha axenda ao longo de varios días, que inclúe reunións nas Xornadas Técnicas que teñen lugar na embaixada e visitas a universidades, empresas e outras institucións en días posteriores. 

O obxectivo é ampliar a rede de contactos do CSHG para mellorar a formación dos seus alumnos e ofertar a súa experiencia ás empresas chilenas. Por un lado, promover que os alumnos podan desenvolver prácticas ou traballar en establecementos deste país e, por outro lado, que o departamento de Consultaría e Formación do CSHG poda desenvolver proxectos para as empresas do sector turístico do país chileno.

Algúns dos encontros que desenvolverá a directora do CSHG nas xornadas técnicas son coa Fundación Empresarial Eurochile, que serve de ponte entre o país americano e os países da Unión Europea para pechar acordos dos que xa se beneficiaron en Europa máis de 12.500 empresas e institucións. 

Neste contexto, tamén se desenvolverán encontros con escolas de xestión e turismo, caso do Centro Culinary e o Instituto Profesional AIEP da Universidade Andrés Bello, e haberá contactos co sector turístico, caso da cadea de hoteis Presidente ou Rusticae, unha rede de establecementos e boutiques con encanto.