Máximo histórico en viaxeiros aloxados en setembro

No pasado mes de setembro Galicia rexistrou un máximo histórico na cifra de viaxeiros aloxados na comunidade ao rexistrar un total de 532.655, un 10,5% máis que no mesmo mes do ano anterior. Nunca antes se superara a barreira do medio millón de viaxeiros no conxunto da oferta regrada de Galicia neste noveno mes do ano.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, subiron tamén na nosa comunidade o pasado mes as pernoitas nun 6,8% neste caso en relación ao mes de setembro de 2014, contabilizándose máis dun millón no conxunto de Galicia.

A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada aínda que nunha porcentaxe inferior á de Galicia, do 4,3% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 3,2% no que atinxe ás pernoitas. A nosa comunidade rexistrou no pasado mes a segunda taxa máis elevada de crecemento de viaxeiros aloxados.

O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional en Galicia incrementouse no pasado mes nun 3,6%, como consecuencia esencialmente da suba da cifra de viaxeiros españois, do 8,6% neste caso. Este incremento global do turismo nacional permitiu que a nosa comunidade acadase neste mes de setembro a cifra de demanda máis elevada dos últimos cinco anos.

Pola súa parte, o mercado internacional rexistrou un crecemento do 15,5%, tamén auspiciado por unha mellora do nivel de viaxeiros estranxeiros aloxados en Galicia, do 14,2% neste caso. Así, o turismo internacional acadou na nosa comunidade neste noveno mes do ano máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados, con preto de 190.000, como de pernoitas, con máis de 300.000.

En setembro o 87,2% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis, que representaron o 68,0%; como ás pensións, co 19,1% neste caso. O 12,8% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos, que representaron o 3,1% da demanda total; aos cámpings, co 5,9% e aos establecementos de turismo rural, que supuxeron o 3,8% neste caso.