Empresarios surcoreanos interesados na importación de produtos alimenticios lucenses

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu no Salón de Plenos do Concello a unha delegación de empresarios de Corea do Sur dedicados á importación de produtos alimenticios que visitan estes días a empresarios da cidade luguesa co fin de fomentar a internacionalización dos produtos autóctonos lucenses. 

Ao acto tamén asistiron representantes da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). 
No acto, Méndez destacou a gran oportunidade para Lugo que supón este tipo de visitas, posto que teñen o obxectivo de facilitar ás pequenas e grandes empresas lucenses o contacto directo con importadores estranxeiros, “situando a Lugo no mapa internacional do sector agroalimentario, no que precisamente somos unha potencia”.

Neste senso, a rexedora fixo fincapé neste tipo de encontros, que sirven para estreitar lazos de entendemento e coñecemento da cultura entre Corea e Lugo, “dous lugares tan distantes pero tamén con grandes posibilidades de colaboración e cooperación para a promoción económica de ambos territorios”

“Temos que seguir traballando para que novos empresarios e novos inversores se fixen en Lugo, que está aberta a novos proxectos de futuro. Este equipo de Goberno está a facer unha aposta decidida polo desenvolvemento económico do municipio”, asegurou a rexedora, quen obsequiou á delegación surcoreana cun agasallo elaborado pola asociación ASPNAIS.

Lara Méndez aproveitou a ocasión para convidar aos surcoreanos a descubrir os dous mil anos de historia de Lugo, así como o patrimonio artístico-cultural da cidade, os espazos verdes da cidade e a gastronomía. Así mesmo, a rexedora agradeceu a visita aos empresarios surcoreanos e o traballo dos empresarios lucenses, que fixeron posible esta visita.