San Froilán chega con máis de 200 actividades

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron este mércores no Salón de Plenos a programación oficial do San Froilán 2015, que terá lugar do 3 ao 12 de outubro, “unha cita moi especial e importante para  nosa cidade”, tal e como a definiu a rexedora.
“O San Froilán 2015 engloba máis de 200 actividades en total para todos os públicos durante os 10 días que duran estes festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional”, avanzou Méndez, quen lembrou que o San Froilán “pon en valor a riqueza patrimonial, histórica e gastronómica da cidade e sitúa a Lugo no mapa turístico autonómico, nacional e internacional”.
“Máis de 50 actuacións teñen denominación de orixe Lugo”, destacou Lara Méndez, ao tempo que anunciou que o Concello impulsará o Camiño Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade, con actividades como o concerto Músicas no camiño dos cantaurotres David Prado e Vizcaíno, os cantares de cego do Mercado Medieval, ou a estrea do vídeo mapping O camiño de Froilán. A rexedora tamén fixo fincapé nas mulleres como protagonistas desta nova edición do San Froilán ao tempo que destacou a labor do pregoeiro, Darío Xohán Cabana.
A Alcaldesa aproveitou a ocasión para convidar aos lucenses e visitantes a gozar da cidade durante o San Froilán, que o pasado ano reuníu en Lugo a máis de 550.000 persoas durante os 9 días que duraron estes festexos