Piden máis cota de bocarte para a flota galega do cerco

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa do Grupo Popular pola que se insta á Xunta a reclamar ao Ministerio o compromiso de habilitar máis cota de bocarte para a flota galega do cerco que faena en augas ao sur de Fisterra.

Segundo explicou o voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, mediante esta iniciativa pretenden facerse eco dunha demanda formulada polo propio sector, a través da Comisión Sectorial do Cerco do Consello Galego de Pesca, que os populares queren que se asuma como propia e se traslade ante as mesas de negociación abertas co resto das Comunidades Autónomas e o Goberno central.

Máis en concreto, reclámase á Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio que cumpra o seu compromiso de asinar, no reparto da cota correspondente a España no TAC de anchoa, unha reserva anual dun 10 por cento da cota prevista na zona CIEM IXa (do sur de Fisterra ao Golfo de Cádiz) para a súa pesca en exclusiva polos buques de cerco con porto base en Galicia.