Turismo de Galicia participa na Festa da Ribeira dos Museos de Frankfurt

Turismo de Galicia participa esta fin de semana na Festa da Ribeira dos Museos ou Museumssurferfest de Frankfurt, o festival cultural ao aire libre máis grande de Europa e un dos eventos máis populares de Alemaña no que está previsto que se rexistre unha afluencia en torno aos 3 millóns de visitantes.

O evento, cuxo obxectivo é combinar arte, cultura, música e gastronomía ten lugar nun espazo dominado polo río e os museos da cidade, nunha época do ano na que Frankfurt ofrece a súa mellor cara. Ademais dos stands e carpas expostos ao longo do paseo e dos espectáculos que se celebran ao longo das tres xornadas, os visitantes teñen a oportunidade de acceder aos museos da cidade por medio dun pase válido de tres días a prezo moi reducido.

A participación de Turismo de Galicia desenvolverase da man de Turespaña a cal coordina a participación de España no evento a través da OET de Frankfurt.

O recinto denominado Spanien am main im Museusurferfest contará con distintas carpas e un escenario. Galicia estará presente no mesmo cun stand propio de información turística e mais coa actuación de Cristina Pato que será a encargada de tocar na inauguración oficial do evento e fará un total de sete actuacións durante os tres días que dura o festival.