O Goberno de España destina 1,5 millóns de euros ao Camiño de Santiago

O Goberno de España vén de anunciar a emenda dos Presupostos Xerais do Estado a través da que dotará para o exercicio 2016 a cantidade de 1,5 millóns de euros como apoio e reforzo ao Plan Director Estratéxico do Camiño de Santiago en Galicia 2015-2021. Esta decisión ten a súa orixe na petición expresa que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este verán ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, nun encontro de traballo na comunidade galega, para que os orzamentos estatais recolleran unha partida en aras de acadar unha mellor restauración e acondicionamento medioambiental dos Camiños de Santiago.   

Esta emenda, presentada hoxe no Congreso dos Deputados, responde á importancia do Camiño de Santiago no ámbito cultural, económico e relixioso. Un itinerario que conta xa con doce séculos de historia e que no vindeiro Ano Xacobeo 2021 poderá recibir máis de 460.000 peregrinos grazas aos esforzos na súa conservación, difusión e promoción.

A capitalidade da ruta xacobea foi certificada o pasado 5 de xullo no marco da 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial celebrada en Bonn (Alemaña) coa inclusión dos Camiños do Norte na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Dúas das catro rutas que acadaron este recoñecemento transitan por Galicia como son o Camiño da Costa e o Camiño Primitivo, ademais do Camiño Lebaniego (Cantabria) e o vasco-rioxano. Deste xeito, os dous itinerarios galegos súmanse a declaración do Camiño Francés, recoñecido en 1993.