O turismo de compras reivindícase en Santiago

Unha nova edición do congreso de Compostela Monumental, que se desenvolve baixo o título ‘Turismo, Comercio, Europa, Innovación: 30 anos fortalecendo as áreas comerciais urbanas’, arrancou esta mañán no Hostal dos Reis Católicos. Ao longo dos seus relatorios abordaranse aspectos como o turismo de compras, a proxección mundial do Camiño de Santiago e a súa repercusión nos centros históricos comerciais, ou as novas tecnoloxías e a innovación aplicadas a estes establecementos.

Na inauguración deste encontro, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que “as compras estanse consolidando como un segmento clave dentro da industria do turismo e son un elemento destacable na contribución da consolidación do destino, no crecemento económico, na xeración de ingresos e na creación de postos de traballo”.

Segundo engadiu, aos beneficios económicos hai que engadir os sociais, xa que o comercio serve como unha plataforma de rexeneración urbana mediante o incremento de valor de zonas que ata o de agora eran menos visitadas por turistas.

As compras son un elemento imprescindible na experiencia do viaxeiro contemporáneo e en moitos casos se converte na principal motivación ou no factor determinante para a elección dun destino. Sobre o comercio galego, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que a nosa comunidade ofrece a posibilidade de adquirir produtos de marcas moi recoñecidas internacionalmente ao tempo que tamén presenta a oportunidade de comprar produtos únicos de Galicia, entre o que destacou os integrados na marca de Artesanía de Galicia.