O bocata de conservas cautiva aos cativos

Ponlle as pilas ao teu bocata é unha iniciativa que pretende promover o consumo de conservas na dieta dos máis cativos, achegándoas ao seu mundo dun xeito ameno e aumentando o seu coñecemento e interese por este produto. Está promovida pola Consellería de Medio Rural e do Mar en colaboración con ANFACO-CECOPESCA que se leva desenvolvendo dende o ano 2010 e neste período chegou a máis de 40.000 nenos de todo o territorio galego.

As previsións indican que outros 11.000 rapaces participarán nos obradoiros ao longo dos meses de xullo e agosto deste ano, que se complementarán con excursións a zonas costeiras e visitas a museos.
Nos obradoiros, os nenos coñecen máis sobre os valores nutritivos das conservas, así coma as súas distintas formas de presentación. Realízanse tamén actividades de elaboración de bocadillos de conservas nas que se busca a súa maridaxe con produtos da terra. Ao remate, os asistentes reciben uns agasallos de promoción, entre os que se inclúe un pequeno receitario.

A campaña pretende ter unha continuidade máis aló dos talleres a través dunha unidade didáctica dirixida a etapas de primaria que ten como finalidade fomentar unha alimentación sa e equilibrada. Por outra banda, os rapaces tamén teñen acceso a unha páxina web (http://www.ponlleaspilasaoteubocata.xunta.es/ ) con contidos  exclusivos, receitas e xogos.