Polbo, nécora e lubrigante xa non están en veda

Mañá comeza en Galicia a campaña extractiva do polbo, da nécora e do lumbrigante. A do polbo prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2016, que se fixará polo correspondente plan que se publicará antes da seguinte veda. A nécora e o lumbrigante poderán capturarse no 2015 ata o 31 de decembro, data incluída e no 2016 a veda iniciarase segundo se fixe no plan xeral de explotación marisqueira dese ano.

Para a captura do polbo o peso mínimo é de 1 quilo a peza e o número máximo de nasas permitido estará en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados e a bordo. O número de nasas segundo zonas específicas e tipos de embarcacións e o seu réxime de calamento poden consultarse no plan experimental para a xestión do polbo con nasa para a campaña 2015/16 no seguinte enlace.

En relación ás cotas máximas de captura dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro de 2015, a cota máxima será de 30 kg por barco e día, ao cal se lle engadirán 30 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 210 kg/día.No que resta de campaña a cota máxima será de 50 kg por embarcación e día, ao cal se lle engadirán 50 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 kg/día. O horario de traballo das embarcacións iniciarase ás 6:00 horas (momento de saída do porto) e finalizará ás 16:00 horas.