O Fondo bibliográfico e documental de Abanca foi declarado BIC

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se declara ben de interese cultural (BIC) o Fondo bibliográfico e documental de Abanca Corporación Bancaria, S.A., antes de Caixa Galicia. Trátase dun elemento fundamental do patrimonio galego tanto polo valor individual dalgunha das obras que reúne un total de 3.214 volumes, como, principalmente, polo valor histórico e documental que as devanditas obras supoñen como colección para a identidade do pobo galego. 

O Fondo está constituído por 3.214 volumes e inclúe materiais librarios e documentos. Entre eles cómpre salientar os preto de cincocentos volumes antigos e recentes do ámbito económico desde o século XVI; unha colección de 257 documentos autógrafos de diversos personaxes e autores galegos da altura de Daniel Rodríguez Castelao, Wenceslao Fernández Flórez, Santiago Casares Quiroga ou José Filgueira Valverde; e unha valiosa recompilación de 66 incunables, obras anteriores ao ano 1500 ou dese ano, onde figuran
impresos venecianos, de Roma, Florencia, Boloña; alemáns (de Núremberg, Maguncia, Reutinguen, Leipzig, Augsburgo); de Lión (Lugudunium), París e outras cidades, berces da cultura do libro europea e mundial.

Ademais, destaca o Fondo histórico, cun total de 2.350 volumes, que inclúe obras que van desde o século XVI ata principios do XX. Este fondo conta con abundantes obras do XVI e moitas do XVII, algunhas de gran valor, como o Xenofonte de Basilea, de 1545, un Ruscelli veneciano sobre a milicia, de 1583, ou o Quixote de Amberes, de 1697, así como multitude de obras de Virxilio, Ovidio, Homero, Boecio, Duns Scoto, Xustino, Cicerón, Juan de Granada, Apiano, Dión Casio, San Atanasio e moitos outros, todas en sinaladas edicións.