Visto e prace da Xunta ao proxecto de ampliación de Jealsa Rianxeira

O Consello da Xunta aprobou a declaración de incidencia supramunicipal do proxecto sectorial para a ampliación das instalacións de Jealsa Rianxeira en Boiro. Trátase dunha iniciativa na que a compañía conserveira investirá máis de 20 millóns de euros e creará arredor de 200 postos de traballo.

Oproxecto, segundo o Governo galego beneficiará non só a poboación de Boiro, senón tamén ás vilas adxacentes e á bisbarra da Barbanza. Así, a iniciativa implicará a construción dunha nova nave robotizada no porto de Bodión, que sumará 20.000 metros cadrados e estará dotada do equipamento máis moderno, achegando á compañía os instrumentos necesarios para desenvolver o seu traballo.

A construción da nova nave encádrase no plan de crecemento da compañía para os próximos tres anos co obxectivo de incrementar as súas vendas nun 20% no 2018. Neste contexto, a infraestrutura permitirá ao grupo empresarial, que emprega a 2.000 traballadores en Galicia, unificar as súas instalacións de almacenaxe co importante aforro de custos que supón, as melloras de xestión e, polo tanto, de competitividade.

Deste xeito, a Xunta dá un novo paso no impulso do sector conserveiro da Comunidade como un dos principais motores económicos da economía galega. Non en van, esta industria suma o 3% do PIB de Galicia e o 6,5% do emprego industrial e ten no grupo Jealsa un dos seus referentes, con presenza tanto na bisbarra da Barbanza como noutros mercados internacionais como Italia, Portugal, Marrocos, Estados Unidos ou Brasil.