Rexistro de Establecementos de Actividades Turísticas posto ao día

Turismo de Galicia, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), pon en marcha a renovación tecnolóxica do Rexistro de Establecementos de Actividades Turísticas (REAT) que permitirá un traballo máis áxil e flexible. Así, despois de case un ano de traballo, unha das iniciativas fundamentais do Plan Smart Turismo será unha realidade, de xeito que nos próximos días levarase a cabo o traspaso de datos ao este novo sistema, o RITGA, para que empece a funcionar en produción, xa con novas pantallas e utilidades.

Durante esta fase, seguiranse implementando melloras pero xa sobre os datos reais e o traballo realizado polo persoal de Turismo de Galicia. A actualización e mellora de utilidades do rexistro permitirá ofrecer datos para outras aplicacións e utilidades de Turismo de Galicia e unificará as bases de datos de recursos, conseguindo un único rexistro máis áxil e fiable.

O Plan Smart Turismo ten como obxectivo o impulso da modernización e da competitividade do sector turístico galego a través das TIC e abarca o desenvolvemento de catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar o Camiño de Santiago.