Mellor en tren

A Cidade da Cultura acolleu hoxe a presentación da nova edición do programa ‘Galicia a todo tren’, un proxecto turístico pioneiro que celebra xa a súa terceira edición, e que inclúe este ano novos atractivos grazas á colaboración interinstitucional entre a Xunta de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense.

Esta proposta, que proporciona ao viaxeiro un novo modo de descubrir algúns dos recursos turísticos máis singulares de Galicia, pechou na pasada edición cun notable éxito ao rexistrarse máis de dous mil viaxeiros e unha ocupación media do 82%, alcanzando as rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra e a que circulou exclusivamente pola Ribeira Sacra unha ocupación do 100%.

Nesta terceira edición Galicia a todo tren continúa ofrecendo sete rutas que permiten descubrir as diferentes zonas de Galicia con variadas temáticas: a Ruta dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco Rutas do Viño que percorrerán os distintos territorios onde se producen as denominacións vitivinícolas galegas: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.

Estes sete itinerarios estarán constituídos por 57 trens que ofertarán os sábados e domingos dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro un total de 2.524 prazas, 74 prazas máis que o pasado año. Estas rutas temáticas, que se encontran xa á venda dende o pasado 21 de maio, permitirán ao viaxeiro descubrir tanto o patrimonio cultural como a natureza galega.

Como principal novidade desta edición, incorpórase ao programa o Tren do Peregrino. Esta nova proposta posibilita a realización do Camiño de Santiago desde Madrid dunha maneira diferente, a bordo dun cómodo Tren Hotel no que os pasaxeiros disporán de aloxamento na Cabina Gran Clase e restauración no propio convoi. As saídas deste Tren do Peregrino terán lugar os días 6, 13, 20 e 27 de agosto e realizarán p percorrido Madrid – Astorga – Ponferrada - Monforte de Lemos - Ourense - Santiago – Madrid.

Ademais este ano se incorpora tamén ao programa o Tren dos Balnearios, unha nova oferta dirixida a maiores de 50 anos que brindará a posibilidade de aloxarse durante 6 días, en réxime de pensión completa, nos balnearios ourensáns de Laias, Carballiño, Arnoia, Baños de Molgas o Lobios e realizar circuítos culturais pola zona elixida podendo chegar á cidade de Ourense en tren desde 30 cidades españolas.

Así mesmo, continúa nesta nova edición o Galicia Rail Pass que un ano máis permitirá a peregrinos e turistas que cheguen a Galicia en trens de largo percorrido, ou co pase dos trens turísticos, utilizar os trens da rede de Renfe en Galicia cantas veces queiran durante tres días en fins de semana, pontes e festivos, e na temporada de verán.