Axudas á promoción de produtos con calidade diferenciada

Un total de 71 solicitudes correspondentes a 29 entidades galegas beneficiáronse este ano das axudas para actividades de promoción de produtos agroalimentarios con calidade diferenciada, ás que a Xunta achegou nesta convocatoria un total de 2,2 millóns de euros.

Estes axudas enmárcanse no  Programa de Desenvolvemento Rural para Galicia (PDR) 2007-2013 e están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), polo MAGRAMA e pola Xunta de Galicia.

A finalidade destas achegas é financiar accións de información e promoción dirixidas a animar ao consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos.

Os beneficiarios son as agrupacións de produtores agroalimentarios que participan en programas de calidade diferenciada, entendendo por tales as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, as especialidades tradicionais garantidas e a produción ecolóxica. Teñen a condición de agrupacións de produtores tanto os consellos reguladores dos distintos produtos con distintivo de calidade, como as asociacións sen ánimo de lucro que participen en ditos programas de calidade diferenciada.