Xa están dispoñibles os billetes para o Tren do Peregrino

Cabina Tren Hotel
Xa están dispoñibles os billetes para viaxar o próximo mes de agosto no Tren do Peregrino, unha das novidades do programa ‘Galicia a todo tren’ que Turismo de Galicia promove en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde)Trátase dun trenhotel que realizará catro saídas de cinco días -catro noites- ao longo do mes de agosto a Galicia, en concreto os días 6, 13, 20 e 27.

O Tren do Peregrino sairá de Madrid con destino Santiago de Compostela onde chegará tras percorrer un traxecto do Camiño que abrangue tres etapas que os viaxeiros poderán facer a pé ou na súa bicicleta, coa que poden viaxar a bordo.

Dende a estación na que o tren se detivese ata o lugar onde se inicia a etapa da Ruta Xacobea os viaxeiros serán trasladados nun autobús que os acompañará no seu traxecto para os desprazamentos que sexan necesarios.

Esta nova opción que vivir a experiencia única que supón o Camiño de Santiago, inclúe o aloxamento nunha cabina de Gran Clase con baño completo, os almorzos e dúas ceas que se servirán a bordo do tren a primeira e a última noite da viaxe. Así mesmo unha selección de excursións, actividades e visitas culturais completan a viaxe.

O concepto do Tren do Peregrino responde ao dun hotel en movemento que dispón de cuartos con baño completo para pasar a noite, un coche cafetaría, dous coches restaurante e outro coche máis acondicionado para o ocio ou os faladoiros.