Ruxe con forza a Feira do Viño do Ribeiro

A Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanza a súa 52ª edición, terá lugar os vindeiros días 1, 2 e 3 de maio de 2015, no recinto da Alameda, en Ribadavia (Ourense), levou a cabo a súa presentación oficial na cidade de Ourense. O Alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, destacou na presentación do certamen a importante evolución e innovación dun evento, que medra ano a ano e que se posiciona como o principal evento enoturístico de Galicia recollendo actividades ligadas á cultura e ao mundo do viño tan diversas como o “Brindis por todo o alto con Ribeiro”, a carreira popular “Correndo entre Viñedos” ou as catas e obradoiros de cociña que terán lugar ao longo da fin de semana.

Pola súa parte, Miguel Ángel Viso, presidente do CRDO Ribeiro, sinalaba o feito de que con este evento faise, non só imaxe dos viños do Ribeiro, senón tamén de territorio Ribeiro. Tamén fixo mención na importancia de seguir levando a cabo accións que fomenten, dun xeito san e razoable, o consumo de viño cada vez máis entre a poboación, polo cal se realizan accións como a cata popular (cata a cegas, que pode facer o público, de todos os viños presentes na FVR) ou o concurso de Escolas de Hostalaría de toda Galicia, cuxa final terá lugar na tarde do sábado no recinto feiral.


Como membro destacado, ao ter a honra de ser o primeiro cociñeiro que participou nos showcookings da Feira do Viño do Ribeiro, hai xa catro anos, o chef do Restaurante Nova, con Estrela Michelin, Daniel Guzmán, recoñecía a labor que se fai dende a Feira do Viño do Ribeiro de conxugar viño e gastronomía, sobre todo con produtos endóxenos e recursos da terra, algo que trasladan a seu restaurante, onde só ofertan viños galegos e no que destacan a visita de moitos comensales que veñen de visitar adegas e que amosan o seu interese pola maridaxe dos viños do Ribeiro cos diferentes alimentos.