Presstrip de xornalistas chineses e alemáns

Turismo de Galicia continúa a promover a oferta turística da comunidade galega no ámbito internacional, neste caso coa organización de dúas viaxes de familiarización nas que participan dous xornalistas chineses e outro procedente de Alemaña.

Na primeira destas viaxes, organizada en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Guangzhou e o Instituto Español de Comercio Exterior, ICEX, dous xornalistas procedentes da provincia chinesa de Cantón, visitan as Rías Baixas e varias empresas de produtos relacionados co mar así como unha adega da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.

Na súa estadía na comunidade galega, os xornalistas chineses achegáronse á empresa produtora de algas Portomuiños, a adega Pazó de Señoráns, a sede do Consello Regulador do Mexillón de Galicia e unha fábrica de conservas en Cambados, antes de rendir unha completa visita ao porto de Vigo.

Pola súa parte, o xornalista procedente de Alemaña Juan Ramón García, realizará un percorrido en bicicleta polo Camiño do Norte na Mariña Luguesa. Ademais visitará a cidade de Santiago de Compostela, nunha viaxe organizada tamén por Turismo de Galicia.

Este xornalista alemán realizará as etapas do Camiño do Norte comprendidas entre Ribadeo e Mondoñedo, Mondoñedo-Vilalba e Arzúa-Santiago de Compostela. Juan Ramón García contará a súa experiencia en Galicia nunha reportaxe na revista Ecos de España que se edita en Alemaña para os alemáns interesados na cultura e a lingua españolas.