Para carallo...O de mar

O Parlamento de Galicia aprobou, sen ningún voto en contra, a iniciativa do Grupo Popular para que se xeneralice o aproveitamento marisqueiro e comercial do holothuria forskali, un equinodermo que está presente nas augas do noso litoral, coñecido popularmente como carallo de mar ou pepino de mar (en castelán) e que ata o de agora non era obxecto de atención pesqueira.

O acordo da Cámara galega insta á Xunta a estudar a situación deste recurso e, en función dos resultados do mesmo, autorizar a posibilidade de expandir a súa explotación a outras áreas de Galicia logo de que o pasado mes de decembro o Goberno galego autorizase, para este ano 2015, o aproveitamento en exclusiva polas embarcacións da confraría de pescadores de Cangas (Pontevedra)
  

Estes equinodermos do xénero holoturia son moi abundantes en todo o Cantábrico. Pódense atopar en calquera pedreiro chan que forme pozas á baixamar, preferiblemente en mareas grandes, xa que prefiren o límite inferior do intermareal (en todo caso profundidades inferiores a 100 metros).