Os operadores turísticos colombianos máis importantes do país trasladáronlle a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro,o seu interese por participar nunha viaxe de familiarización á
comunidade galega para coñecer de primeira man os seus numerosos recursos
turísticos. Así, a responsable de Turismo da Xunta comprometeuse á organizar a
dita viaxe.
A fila do que fora durante moitos anos alcalde de Ponteareas, Pepe Castro, realizou na capital colombiana unha presentación dirixida aos axentes e
operadores turísticos máis importantes do país. A oferta diferencial do destino Galicia así
como o Camiño de Santiago protagonizaron a exposición realizada por Nava
Castro.
A directora de Turismo de Galicia
resaltou as posibilidades que ofrece Galicia, destacando que é un destino de
contrastes cunha morea de opcións entre as que resaltou a cultura, a natureza,
o termalismo, a gastronomía e a enoloxía, entre outros recursos.
Nava Castro recalcou que a nosa comunidade é a
meta do Camiño de Santiago, “unha experiencia inesquecible onde gozar da
natureza, a historia e a convivencia con outras culturas”, e que conta dende
1987 coa declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo e dende 1993 coa
de Patrimonio da Humanidade.
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia
destacou que no pasado ano finalizaron o Camiño de Santiago máis de 237 mil
peregrinos dos cales máis do 52% deles foron estranxeiros, “o que demostra que
a Ruta Xacobea se converteu no noso principal elemento captador de turismo
internacional”, afirmou.