Hostalería de Compostela e Deputación retoman relacións

Unha delegación da Directiva de Hostalería Compostela, encabezada polos seus presidentes, Sara Santos (Hospedaxe) e Antonio Riveiro (Restauración), foi recibida polo presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, para tratar asuntos relacionados co sector turístico e hostaleiro en Santiago e Comarca. Na xuntanza abordaron diversos temas vitais para o futuro do turismo de Compostela.

Durante esta reunión, Diego Calvo comprometeuse a apoiar algunhas das accións de promoción turística propostas polos empresarios para mellorar a información que o turismo recibe de todos os establecementos asociados de Hostalería Compostela e da oferta complementaria e cultural que hai na cidade. Tamén abordaron a necesidade de mellorar a sinalización dos establecementos turísticos e a importancia da formación para manter os altos niveis de calidade e de satisfacción dos clientes que visitan o noso destino.

Con esta xuntanza, Hostalería Compostela e a Deputación da Coruña queren abrir unha nova etapa nas relacións entre o colectivo empresarial e a institución provincial, polo que se comprometeron a seguir traballando conxuntamente para mellorar as perspectivas do sector turístico, a través do desenvolvemento de accións conxuntas de promoción, mellora da calidade do servizo e facilitando unha información máis completa e actualizada da extraordinaria oferta gastronómica e de aloxamento, de lecer, cultura e patrimonio dispoñible na cidade para os turistas.