Entrega do Lola Torres ao restuarante Lhardy

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entregou no día de hoxe o XIV Premio Nacional de Gastronomía Lola Torres, promovido pola Fundación Amigos de Galicia, ao restaurante Lhardy de Madrid. O acto, celebrado no Centro Superior de Hostalería de Galicia, contou tamén coa participación de Miguel Ángel Pérez, alcalde do Grove, Milagros Novo, propietaria do restaurante Lhardy, e Rafael Mourelos, membro da familia Torres.

A directora de Turismo de Galicia destacou, durante a súa intervención, que a gastronomía se converteu nun recurso fundamental para o destino Galicia xa que, segundo indicou, constitúe a segunda motivación pola que os turistas elixen viaxar á nosa comunidade. "A gastronomía e o enoturismo son parte moi relevante na oferta diferencial do destino, xa que complementan a experiencia turística dos viaxeiros e mesmo constitúen o motivo fundamental da viaxe de boa parte dos turistas que recibe Galicia", afirmou Nava Castro.

Galicia conta con máis de trinta produtos recoñecidos co distintivo de Indicación Xeográfica e cinco Denominacións de Orixe vinícolas, 12 restaurantes con Estrela Michelin e 26 restaurantes que atesouran 37 Soles Repsol así como máis de 300 festas enogastronómicas. 

O restaurante galardoado nesta edición, o restaurante Lhardy de Madrid, é un dos primeiros e máis antigos restaurantes de Madrid. Este establecemento que abriu inicialmente como unha pastelaría, pouco a pouco, foi evolucionando ata converterse nun restaurante cheo de historia e beleza.