Corenta empresas galegas participan na European Seafood Exposition

Diferentes produtos galegos do mar (pertencentes ás áreas da pesca, conxelado, ultraconxelado, transformación, acuicultura, comercialización e conserva.) teñen presenza na European Seafood Exposition 2015, que se celebra en Bruxelas desde hoxe ata o vindeiro xoves. 

Das arredor de 40 empresas galegas presentes neste certame, 29 están albergadas no posto de 447 metros cadrados que ten a Consellería do Medio Rural e do Mar nesta feira considerada coma o maior evento sectorial do mundo no eido do comercio dos produtos marítimo-pesqueiros.

A European Seafood Exposition é unha feira anual que se celebra no palacio de exposicións da capital comunitaria. Na pasada edición participaron 1.635 empresas expositoras de 76 países e tivo máis de 25.000 visitantes

Ademais dos produtos do mar, na feira tamén se promoven sectores como o dos equipamentos e maquinaria para o procesamento industrial, embalaxes e contedores, servizos relacionados co transporte e o control da calidade e outros produtos complementarios.