Preto de 70 operadores turísticos franceses déronse
cita na presentación do novo produto turístico de Galicia ‘Camiño, viños e
camelias’, organizada por Turismo de Galicia dentro da campaña de promoción que
se desenvolve ata o vindeiro día 2 de maio no establecemento especializado na
comercialización de viños Lavinia París.
Polo que respecta ás empresas francesas
comercializadoras de produtos turísticos, no acto organizado onte por Turismo
de Galicia no establecemento Lavinia París, participaron operadores
xeneralistas e compañías especializadas na venda de viaxes relacionados coa
cultura e a natureza.

O pasado
ano 2014 rexistráronse en Galicia un total de 112.424 viaxeiros franceses
aloxados nos establecementos regrados da comunidade, cifra que superou nun
20,9% o dato do anterior ano 2013. Esta mellora tamén se observou no volume de
pernoitas, que se incrementaron en 2014 nun 16% rexistrando este mercado un
total de 186.038.
En termos de volume global Francia sitúase
como o terceiro mercado internacional máis importante de Galicia por detrás de
Portugal e Alemaña representando algo máis do 10% do total internacional en
2014.
No ámbito do Camiño de Santiago, e segundo as
cifras aportadas pola Oficina do Peregrino, no pasado ano 2014 rexistráronse
9.345 peregrinos franceses, cifra que supón máximo histórico deste mercado e
supera nun 12,5% o dato de 2013.