A Deputación de Ourense entra no accionariado de MEISA

O Consello da Xunta autorizou a Axencia de Turismo de Galicia para a transmisión de 336 accións da sociedade Estación de Inverno Manzaneda S.A. (MEISA) á Deputación de Ourense. MEISA –titular da estación de inverno de Manzaneda- pasará a contar así cun novo socio institucional de referencia. No accionariado da entidade xa están presentes a Axencia de Turismo de Galicia e os concellos de Trives e Manzaneda, xunto á Central Hotelera Hotelalia.

A Xunta de Galicia alleará ao organismo provincial 336 accións de MEISA, unha participación que representa o 14% do capital social. Deste xeito, a Administración galega diversifica a composición accionarial da sociedade ao tempo que manterá unha participación do 34% nela.

A operación de alleamento foi autorizada previamente pola Xunta Xeral de accionistas de MEISA, e responde a unha petición da Deputación de Ourense. Na actualidade o complexo está xestionado pola empresa Oca Hotels, da que é director xeral David Caramés.