Viaxes de familiarización por Galicia

Pazo de Oca
No seu labor de difusión internacional dos servizos e produtos turísticos galegos, Turismo de Galicia programou esta semana a visita á comunidade galega de dous grupos de operadores, un alemán e outro británico, para darlles a coñecer o produto Viños e camelias. Ademais, entre os días 25 e 30 de marzo, o xornalista inglés John Hale, do xornal The Times, percorrerá parte da comunidade galega para se documentar na edición dunha reportaxe sobre Galicia para publicar neste medio de comunicación.

John Hale ten previsto centrar o seu traballo xornalístico na posibilidades que ofrece a comunidade galega para realizar percorridos en tren e a oferta turística da costa. O xornalista de The Times chegou o pasado día 25 á Coruña e ten previsto visitar tamén Pontevedra, Vigo e Baiona.

Por outra parte, Turismo de Galicia, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Frankfurt, promoveu unha viaxe colectiva de oito operadores turísticos alemáns que están a coñecer o produto turístico Viños e camelias. A súa viaxe comezou o día 25 e remata mañá.

Os operadores participantes nesta viaxe de familiarización son: Peninsular Tours, SKR Reisen, Travel House, Studiousus Reisen, Olimar Reisen, Ruge Reisen, Ibero torus e Leade Gartenreisen.

Ademais, desde esta semana, un representante do operador turístico británico Ciceroni Travel, xunto aos directores das oficinas deste axente turístico en España, realizaron unha viaxe de prospección para coñecer in situ este produto turístico co obxectivo de recadar información e incorporalo aos seus paquetes turísticos. Na súa estadía visitaron varios pazos e adegas situadas no territorio da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.