Turismo de Galicia convoca nove bolsas de formación práctica

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se regulan as bases para a concesión de nove bolsas de formación práctica convocadas por Turismo de Galicia. A dita convocatoria responde ao esforzo continuado da Xunta de Galicia na formación dos recursos humanos, neste caso para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician ou desenvolven a súa actividade no sector turístico.

As bolsas de formación permitirán aos titulados acceder a prácticas tuteladas en diversas áreas de Turismo de Galicia co obxectivo de fomentar o perfeccionamento profesional dos bolseiros co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e habilidades en materias vencelladas co turismo.

Sete das bolsas de formación están destinadas á promoción e información turística, mediante a realización de prácticas nas oficinas de información turística de Turismo de Galicia. Estas oficinas prestan un servizo fundamental aos turistas e visitantes e contribúen de xeito significativo a proxectar a imaxe de Galicia no exterior.

As bolsas estarán distribuídas da seguinte forma: dúas bolsas na oficina de turismo de Santiago de Compostela, unha bolsa na oficina de turismo da Coruña, unha bolsa na oficina de turismo de Pontevedra, unha bolsa na oficina de turismo de Vigo, unha bolsa na oficina de turismo de Lugo e unha bolsa na oficina de turismo de Ourense.