Tres proxectos GAC, exemplos de sustentabilidade

Tres proxectos dos Grupos de Acción Costeira (GAC) de Galicia foron escollidos para ser expostos como exemplo de sustentabilidade das comunidades pesqueiras na área de exhibición da conferencia Sailing towards 2020, organizada pola Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da Comisión Europea (DG MARE).

Os proxectos seleccionados estarán presentes na parte de exhibición que consta de 40 stands. Do total de proxectos, oito son de España e deles tres son de Galicia, en concreto do GAC 1 (A Mariña-Ortegal), do GAC 3 (Costa da Morte) e do GAC 4 (Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia).

O proxecto seleccionado do GAC 1 é Conservas Curricán, unha empresa de nova creación constituída por tres mulleres maiores de 45 anos. Consiste nun obradorio de elaboración artesanal de bonito do norte. A iniciativa do GAC 3 denomínase Lo estamos pescando e consiste nunha plataforma de venda virtual ideada por pescadores e produtores de marisco das confrarías locais para diversificar a súa clientela, aportar valor engadido ao peixe e marisco galego e acurtar a cadea de distribución dos produtos pesqueiros locais. Finalmente, o proxecto escollido do GAC 4 é Empreamar, unha acción na que profesionais e expertos guían aos alumnos para formalos como emprendedores e desenvolver unha idea de negocio relacionada co mundo do mar.

O obxectivo desta conferencia é expor o aprendido e os éxitos da implementación do eixo 4 do Fondo Europeo da Pesca, que fai referencia ao desenvolvemento sustentable das zonas de pesca. Para iso, durante os dous días, a conferencia distribuirase en dous bloques, un de relatorios e de foro e outro de exhibición.