Santiago promociónase na ITB

Turismo de Santiago promociona a cidade na ITB de Berlín, a feira máis importante do mercado alemán, que se celebra entre o catro e o oito de marzo. A principal novidade que presentará a empresa municipal de promoción turística este ano na feira é a incorporación de novas conexións aéreas directas con tres das principais cidades xermanas: Düsseldorf, Munich e Berlín, que engadirá Vueling a súa oferta no aeroporto de Santiago.

Coa incorporación das tres novas conexións de Vueling, que se suman a xa existente de Ryanair con Frankfurt, Santiago terá a mellor conectividade directa con Alemaña da súa historia. Trátase dunha oportunidade para continuar crecendo no mercado xermano, que xa é un dos dous principais mercados internacionais para a cidade, xunto co italiano. Entre ambos suman máis de 100.000 pernoctacións, preto dun 10% de todas as que se producen na cidade.

Dende o ano 2008, o mercado xermano suma regularmente máis de 50.000 pernoctacións nos hoteis de Santiago. O máximo logrouse no Ano Santo 2010, con 56.437, segundo o INE. Antes de coñecer os datos oficiais correspondentes ao 2014, a previsión é que o ano pasado se rondara esta cifra. O obxectivo para o 2015 é lograr un novo máximo histórico do turismo xermano na cidade, superando por primeira vez as 60.000 pernoctacións.

Turismo de Santiago manterá unha importante axenda de reunións con touroperadores, axentes de viaxes e responsables das Oficinas de Turismo Españolas en Alemaña. Estas reunións celebraranse nos tres primeiros días da feira, destinados a profesionais. Nos dous últimos días da feira, destinados ao público final, contará cun mostrador propio no stand de Turespaña.