A
conselleira do Medio Rural e do Mar valorou a importancia destas axudas das que
o grupo Reboreda Morgadío resultou beneficiario, xa que reflicten, sinalou, o
respaldo da Xunta ás empresas para impulsar e aportar valor ao sector
vitivinícola galego. Ademais explicou que as achegas para elaboración e
comercialización de produtos vitícolas se destinan a procesos clave para a
difusión do produto como as operacións de elaboración, as de control de
calidade e as relacionadas coa comercialización en puntos de venda directa na
adega e fóra da adega, así como a plataformas para o desenvolvemento de
comercio electrónico. A esta liña, o departamento que dirixe Rosa Quintana
destina no 2015 un total de 2,7 millóns de euros e 8 millóns de euros para o
período 2015-2018.
Rosa Quintana lembrou ademais que existe outra
liña de axudas para a promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros
países. Na convocatoria do ano pasado resultaron beneficiarias destas achegas 31
empresas e organizacións, por un importe de 1,3 millóns de euros. Para o período
2015-2016 a dotación destas axudas é de preto de 3,6 millóns de euros.
O Grupo Reboreda Morgadío fundouse nos anos 40
e está asentado nas zonas vitivinícolas do Ribeiro (Ourense) e do Condado
(Pontevedra). Está orientado cara a elaboración de viños de calidade e viños de
finca. Na área do Ribeiro posúe Bodegas Campante, cuxas instalacións visitou
hoxe a conselleira, e Adegas do Miño. Na zona de Rías Baixas está presente a
través de Adegas Morgadío, situada en Crecente (Pontevedra).