Leite galego para os escolares

A Xunta promove o consumo do leite galego entre a poboación escolar da nosa Comunidade mediante axudas –cuxa convocatoria publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG)– para a subministración aos alumnos de leite e determinados produtos lácteos neste ano 2015.

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ente dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, é o órgano competente da concesión e xestión destas axudas. O importe total ascende a 300.000 euros, sendo financiado por fondos FEAGA (Fondo Europeo Agrícola de Garantía) e vai dirixido aos alumnos de educación infantil, primaria e secundaria.

De acordo coa convocatoria publicada hoxe polo DOG, poden solicitar a axuda o centro escolar, unha autoridade educativa para os alumnos que teña baixo a súa competencia, o proveedor dos produtos ou unha organización que actúe en nome dun ou máis centros escolares e que estea constituída especificamente para tal fin. Os solicitantes deberán ser autorizados pola directora do Fogga e deberán presentar a solicitude de autorización antes do 31 de xullo.


As solicitudes de autorización deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Tamén se poderán presentar en papel.