Bo comportamento turístico en febreiro

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros do 6%, ata situarse nun total de 163.775. Así mesmo, as nosa comunidade incrementou tamén neste segundo mes as súas pernoitas nun 3,2%, contabilizando un total de 296.223.

A nivel estatal melloraron os niveis de demanda regrada nunha porcentaxe similar á rexistrada na nosa comunidade, aumentando un 5,9% os viaxeiros e un 3,4% as pernoitas. Galicia sitúase así no ránking de viaxeiros nunha posición intermedia.

O mercado nacional incrementouse nun 4,3% no que atinxe aos viaxeiros e nun 2,4% no tocante as pernoitas. Pola súa parte, o mercado internacional creceu nun 7,9% no tocante ás pernoitas mentres que os viaxeiros subiron un 18,6%. O número de viaxeiros internacionais neste mes -22.029- supón a cifra máis alta nun mes de febreiro dende os últimos anos. Deste xeito, o mercado internacional elevou o seu peso sobre o conxunto da demanda en 0,65 puntos ata situarse no 14,9%.

No pasado mes de febreiro, o 93,5% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis, que representaron o 77,2%, como ás pensións, co 16,3% neste caso.

O 6,5% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos, que representaron o 3,5% da demanda total, aos cámpings, co 0,1%, e aos establecementos de turismo rural, que supuxeron o 2,8% neste caso.

A mellora dos niveis de demanda turística neste mes de febreiro produciuse tanto nos establecementos hoteleiros como nos extrahoteleiros. No segmento hoteleiro o incremento situouse no 1,4% mentres que no extrahoteleiro a mellora foi do 38,2% – porcentaxe que situouse no 53,2% no caso dos apartamentos turísticos, no 24% nos cámpings e no 33,2% no caso dos establecementos rurais. Destaca así o incremento rexistrado nos apartamentos turísticos que presentaron neste segundo mes do ano o mellor comportamento en termos relativos do conxunto da oferta regrada.